Homo Sapiens… creador das ferramentas?

 

Dende sempre atribuíuselle o mérito da tallación de pedras ós Homos, pero… e se non fora así? Parece ser que se descubriron recentemente uns 150 artiluxios de pedra en Kenia, datados en 3,3 millóns de anos atrás, uns 700000 anos antes da aparición do noso xénero.  Como as ferramentas non foron atopadas preto de restos fósiles, descoñécese a identidade do seu creador, pero o único homínido que estaba presente naqueles tempos era o Kenyanthropus platyops

O cadro de evolución humana é bastante sinxela a grandes rasgos: a nosa linaxe e a dos chimpancés separáronse hai 6000000 de anos; logo sucédense, coexisten e extínguense varias especies de australopitecos; e finalmente, hai uns 2,5 millóns de anos, aparecen os nosos, o xénero Homo, cun cranio máis grande e uns fósiles asociados ás primeiras ferramentas de pedra tallada. Ou iso se cría.

As arqueólogas Sonia Harmand, Hélène Roche e os seus compañeiros de Francia, Kenya e Estados Unidos presentan no artigo principal de Nature os achados do Proxecto Arqueolóxico do Oeste de Turkana, en busca de evidencias das primeiras industrias líticas dos nosos antecesores. Alí encontraron o que denominan Lomekwi 3, un sitio arqueolóxico datado en 3,3 millóns de anos con 150 artefactos de pedra. O fósil de Homo máis antigo está datado en 2,3 millóns de anos.

Os descoñecidos fabricantes das ferramentas de Lomekwi 3 non tiñan un estilo tan depurado como o dos posteriores Homo. Segundo Harmand, tiñan un “entendemento en desenvolvemento das propiedades de fractura da pedra“. Estas ferramentas achegan así certo alivio gradualista ao que parecía ata agora un suceso algo brusco nas escalas dos paleontólogos. De modo semellante á forma en que Kenyanthropus platyops, con trazos intermedios entre austrolopiteco e Homo, achega un respiro parsimonioso á doutro modo súbita aparición do xénero Homo.

Harmand tamén dixo : “A premisa era que só a nosa liñaxe, o xénero Homo, dera o salto cognitivo de golpear unha pedra contra outra para desprender fragmentos, e que ese fora o fundamento do noso éxito evolutivo“. Ese modelo acabábase de redondear co cambio climático que, hai uns 2,5 millóns de anos, estendeu polo leste de África as pradarías da sabana. Os novos achados restan simplicidade e rotundidade a esa teoría, porque o “salto cognitivo” chegou 700.000 anos antes cas sabanas e o xénero Homo.

Autora: Laura Ozores.

Esta entrada foi publicada en Evolución, Orixe humana, selección natural e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.