Os piares da creación cobran vida!

Os Piares da Creación, unha imaxe tomada polo telescopio espacial Hubble en 1995, é un espectáculo cósmico de nacemento e morte. Situados na nebulosa da Aguia, trátase dun viveiro de estrelas a 7.000 anos luz de distancia da Terra. Alí, a materia gasosa vaise acumulando pola forza da gravidade ata construír centrais naturais de fusión nuclear como o Sol, tamén son un clásico exemplo das típicas formas de columna que se desenvolven nas nubes xigantes de gas e po, os lugares onde nacen novas estrelas.

Desktop

Agora, grazas ás novas observacións que se levaron a cabo co instrumento MUSE, instalado no VLT (Very Large Telescope, nas súas siglas en inglés), do ESO (Observatorio Europeo do Sur), os astrónomos produciron a primeira imaxe tridimensional completa dos famosos Piares da creación.

Desktop1

O instrumento MUSE, en funcionamento dende 2014, permite obter información dinámica de como se produce a evaporación dos piares, debida á radiación UV e os ventos procedentes das estrelas máis masivas. Con esta información púidose desvelar a orientación de cada un dos piares, e deste xeito púidose reconstruír a súa estrutura en 3D, tal e como se mostran as imaxes. Esta nova e minuciosa visión foi fundamental para poder determinar a súa estrutura en 3D, xa que segundo afirma Mas Hesse, permite coñecer como é a estrutura dunha rexión de formación estelar nova, e como se produce o proceso de evaporación da nube molecular orixinal da que” se formaron “as novas estrelas”. Con isto, MUSE, deu aos astrónomos un prazo de tempo para calcular o seu final: espérase que os Piares da Creación teñan unha vida útil de quizais tres millóns de anos máis, moi pouco a escala cósmica.

Segundo os expertos “deixarán unha cavidade baleira ocupada polas estrelas novas, como acontece noutras rexións semellantes, pero máis evolucionadas”. De aí que ‘ os piares da destrución’ podería ser un nome igualmente válido para alcumar a estas lendarias columnas cósmicas.

Autor: Miguel Otero Paz

Esta entrada foi publicada en Investigación espacial, Novas tecnoloxías, Universo e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.