Invasión vexetal

As invasións vexetais constitúen a segunda ameaza á biodiversidade e a primeira en illas ou espazos illados. O asentamento dunha planta estranxeira nun territorio onde as condicións de hábitat son semellantes ao seu lugar de orixe, fai que esta xermine, sobreviva, medre e se reproduza. Deste xeito crea novas poboacións auto-sustentables que se expanden de maneira rápida e que representan unha seria ameaza para as especies autóctonas.  Tales especies introducidas, ou exóticas, son referidas como especies exóticas invasoras (EEI).

O Carpobrotus edulis, coñecida comunmente como unlla de gato, é un exemplo de EEI facilmente recoñecible. É de folla perenne e cor verde (ás veces púrpura nos extremos),  de porte rastreiro, suculenta e con talos de ata 2 m. As súas flores son moi chamativas, de entre 4 e 6 cm. de diámetro, numerosos pétalos de cor púrpura ou marelo e filamento dos estames sempre amarelos. Encóntrase presente en dunas, rochedos lindantes co mar e marismas, é dicir, na costa galega, onde está acabando coas comunidades vexetais autóctonas.

Tras os fatídicos intentos para desfacerse desta planta, o departamento de Bioloxía Celular e Ecoloxía da Universidade de Santiago de Compostela , coa colaboración da Universidade de Vigo desenvolveu un proxecto no que se marcaron varios obxectivos. O máis inmediato é analizar a incidencia do cambio climático nesta especie co fin de avaliar se o aumento da temperatura e a carencia de auga van a favorecer ou non á extensión da planta.

Tamén  intentan coñecer cómo modifica as condicións do solo e se emite sustancias que impidan o crecemento da flora autóctona ao seu redor.

Para eliminar definitivamente esta planta, o proxecto posto en marcha tamén intenta buscar un insecto que devore ao Carpobrotus, e un posible candidato é o Pulvinariella mesembryanthemi, unha especie que actúa como depredador e que a acabaría destruíndo.

Autora: Laura Chaves Falcón

 

Esta entrada foi publicada en Bodiversidade, Cambio Climático e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.