Adeus ao dano por reperfusión

Durante un infarto de miocardio, as arterias coronarias vense obstruídas, facendo que se estreiten e non chegue o suficiente osíxeno ao músculo do corazón, o miocardio, polo que non pode producir enerxía e provoca a morte das células do tecido que non reciben o sangue (necrose).

Despois de que os capilares son desatascados e a circulación volve ao seu curso, o corazón sofre un deterioro, denominado “dano por reperfusión”, o cal produce tamén alteracións funcionais e estruturais durante o restablecemento do fluxo sanguíneo na arteria previamente ocluída.

 

Como evitar este dano que provoca a volta do sangue ao miocardio é un factor clave para a recuperación do afectado. Un equipo da Rede de Investigación Cardiovascular (RIC) experimentou con ratos aos que se lles inducía un infarto, para o que cortaron o fluxo sanguíneo ligando a arteria coronaria ascendente durante 30 minutos. Logo, mentres reosixenaban o corazón, inserían os terpenos (na imaxe móstrase a unidade química destes, o isopropeno), uns lípidos naturais presentes en numerosas plantas, que mostraron ser unha importante axuda para evitar o dano por reperfusión. Cunha pequena cantidade destes compostos conseguiron que a área infartada se reducise ata un 88%. Ademais, comparando con animais que non recibiron esta substancia, a nivel cardíaco observouse a presenza de moita menor fibrose, a cicatriz que queda no corazón tras un infarto, logrando que se vexa reducida no 89% en tan só 21 días, xunto cunha mellora tamén no volume da cantidade de sangue que o corazón é capaz de expulsar ao contraerse, chegando a ser equivalentes aos dos animais que non sufriran infarto.

Os infartos de miocardio constitúen a primeira causa de morte en España, chegándose a producir cada ano uns 100.000 casos, polo que o descubrimento do efecto protector do terpeno, que ademais é unha substancia natural, xunto a implantación do código ictus, que proporciona rapidamente un tratamento cardioprotector,  axudarán, en gran medida, a reducir a mortalidade polo infarto de miocardio.


Autora: Mirian Trigo

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Medicina, Saúde e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.