Descubrindo planetas ananos

Foi no ano 1801 cando Guiseppe Piazzi (astrónomo e sacerdote siciliano) divisou desde o observatorio de Palermo un corpo celeste que nese momento se bautizou co nome de ‘Ceres’ (deusa da agricultura e as colleitas). Ceres foi considerado primeiramente  un planeta que se encontraba situado entre Marte e Xúpiter e máis tarde determinouse que se trataba dun asteroide, pero non foi ata o ano 2006 cando pasou a figurar no grupo dos coñecidos como planetas ananos.

Esta pasada semana, máis de dous séculos despois do seu descubrimento, a nave ‘Dawn’ da NASA entrou na órbita de Ceres. Segundo confirmacións da NASA, Dawn foi capturada pola órbita de Ceres ás 13:40 do venres (hora española).

O propósito da NASA ao enviar esta sonda ata o planeta anano é investigar sobre a superficie de Ceres para intentar aclarar algunhas características misteriosas que os astrónomos puideron observar con moita cautela a medida que Dawn se achegaba a Ceres nas últimas semanas. Así por exemplo, encontraron nun dos múltiples cráteres de Ceres (en concreto un con 92 quilómetros de ancho) dous puntos brillantes  cuxa orixe se descoñece aínda.

A sonda comezou a aproximarse á orbita do planeta en decembro, e agora que Dawn foi ‘capturada’ pola órbita de Ceres, a distancia entre ambos é duns 60.000 quilómetros. Pénsase que nas seguintes semanas a nave se achegará moito ao seu obxectivo, podendo continuar así coas súas investigacións, que segundo afirman astrónomos da NASA, se prolongaran por pouco máis dun ano.

A misión ‘Dawn’, desde o seu comezo en 2007 tivo un custo de 450 millóns de dólares. O seu primeiro obxectivo era estudar o asteroide xigante Vesta e coñecer así a súa formación, antigüidade…  para logo centrarse en coñecer Ceres.

A viaxe realizada pola sonda ao longo do Sistema Solar e cunha duración duns sete anos, foi posible grazas a un sistema de propulsión iónica, unha tecnoloxía que se basea en ionizar un gas para impulsar unha nave: en vez de utilizar os produtos químicos estándar para impulsala nave, cárgase electricamente o gas Xenon (ionízase) para logo ser acelerado a unha velocidade de 30 km/segundo.  Cando os ións de Xenon son emitidos a esta velocidade, empuxan á nave en dirección contraria.

Científicos da División de Ciencias Planetarias da NASA aseguran que os datos que nos está a proporcionar Dawn nos poderían achegar grandes avances sobre o que sabemos do noso Sistema Solar. Así como tamén din que estudando a Ceres e a Vesta poderemos entender mellor como se formou o noso Sistema Solar e en especial como se formou a Terra, e é que crese que corpos celestes como Vesta puideron contribuír á formación do núcleo do noso planeta, mentres que corpos como Ceres puideron traer auga.


Autor: Martín Baúlde Trigo

Esta entrada foi publicada en Investigación espacial, Universo e etiquetada , , , , , . Garda o enlace permanente.