Fallas de millóns de anos

A finais do Devónico e ao longo do Carbonífero, o solo de Galicia revirouse para formar as súas principais montañas. Grandes continentes primitivos, como Euramérica e Gondwana, uníronse para formar a  Panxea, o continente único que máis tarde se separaría para debuxar o mapa do mundo actual.

Un estudo internacional datou as fallas do terreo en Galicia e todo o oeste da Península Ibérica. E a data encaixa co momento en que se creou o principal da orografía galega. A cifra é de hai 308 millóns de anos, unha cifra moi exacta.

Cun sofisticado sistema de isótopos, os científicos dataron as fallas coruñesas de Punta Langosteira e de Malpica de Bergantiños. Ambas as dúas formáronse hai pouco máis de 300 millóns de anos, cando aparecen en terra firme os primeiros réptiles e a paisaxe vexetal está formada por grandes árbores, de máis de 40 metros de altura.

As mostras xeolóxicas, recollidas pola Universidade de Salamanca, movéronse decenas de miles de quilómetros por varios países do mundo para descubrir a idade das fallas desta zona. Segundo un estudo, coincide co pregamento do terreo coñecido como Oróxeno Varisco, que afectou ao oeste da península e fixo que xurdiran as cordilleiras actuais.

A datación foi posible ao calcular a súa idade mediante o “reloxo isotópico“, é dicir, usando isótopos de potasio e argon, do mineral mica moscovita, que actúan como reloxos.

O curioso é que as mostras destes cinco enclaves peninsulares tiveron que viaxar miles de quilómetros para obter os resultados. En Adelaida (Australia) foron seleccionados os minerais, de alí trasladáronse a Ontario (Canadá), onde se introduciron nun reactor nuclear durante máis de 30 horas e volveron a Australia para ser analizadas nos laboratorios polo investigador Fred Jourdan mediante o quentamento nun sofisticado láser ata a súa fusión.

Aínda que as fallas se adoitan asociar a terremotos, as que recolle este estudo encóntranse totalmente inactivas. De feito, a actividade sísmica do noroeste da Península, que é moi escasa, está determinada por outras fracturas do terreo.

Ademais dos científicos australianos e canadenses, tamén colaboraron investigadores de Estados Unidos e, por parte española, a Universidade Complutense de Madrid e o Instituto Xeolóxico e Mineiro de España (IGME). En total, oito xeólogos de cinco países están involucrados neste estudo sobre o Oróxeno Varisco.

Autora: Alba Rodríguez

Esta entrada foi publicada en Tectónica de Placas e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.