2014, récord en altas temperaturas

O ano que acabamos de deixar atrás culminou coroándose como o ano máis cálido desde que se empezaron a tomar rexistros das temperaturas en 1880.

A NASA e o Instituto Nacional para o Océano e a Atmosfera (NOAA), confimaron tras analizar os datos de decembro, que o 2014 foi o ano con temperaturas máis altas desde 1880, colocándose así no cumio da lista de anos máis cálidos. Aínda que estes dous organismos de EEUU tiveron que esperar ata analizar os datos deste último mes, non se sorprenderon cos resultados, xa que os rexistros obtidos dos primeiros 11 meses do ano apuntaban a que o 2014 sería o ano máis caloroso desde que se ten memoria.

Segundo  destacou o Instituto de Estudos Espaciais Goddard da NASA (GISS), os dez anos máis cálidos se rexistraron desde o 2000, coa excepción do 1998. Serían o 2014, 2010 e 2005 (nesa orde) os pioneiros da lista.

A axencia espacial de EEUU afirmou que desde 1880 a temperatura media da superficie terrestre aumentou aproximadamente  0,8º C , unha tendencia que como argumentan distintos científicos da NASA, deriva do incremento de dióxido de carbono e outras emisións á atmosfera causadas pola actividade humana e subliñan tamén que a maior parte do quentamento se produciu nestas últimas tres décadas.  A NOAA explica, na súa páxina web, que ao longo destes últimos 37 anos, as temperaturas aumentaron unha media de 0,28ºC por década na superficie terrestre e 0,11ºC no mar.

 

Para chegar a estas conclusións, tanto a NASA como o GISS realizaron unha ampla recollida de datos. A NASA comprendeu a recollida de información desde terra, mar e aire a través do seu programa de observación terrestre. Por outra banda a información analizada polos científicos do GISS procede das mediacións tomadas por satélites, por unha rede de 6300 estacións meteorolóxicas, barcos que rexistrar a temperatura do océano e estacións na Antártida.

Polo que respecta a previsión para este ano, os científicos afirman que esperan ver variacións na media global das temperaturas anuais causadas por fenómenos como “El Niño” ou “La Niña” que cambian os patróns de movemento das correntes mariñas, quentando (no caso de “El Niño”) ou arrefriando (no caso de “La Niña”) o Pacífico tropical. Créese que estes fenómenos influíron no quecemento ao longo dos últimos 15 anos, pero aseguran que non o fixeron no 2014.

En xeral, preveñen que nos próximos 20 anos, a temperatura aumentará uns 0,2ºC por década.


Autor: Martín Baúlde

Esta entrada foi publicada en Cambio Climático e etiquetada , , , , , . Garda o enlace permanente.