Ósos máis resistentes

A osteoporose é una enfermidade que se caracteriza por unha diminución da masa ósea e polo incremento da porosidade do óso, o cal alberga unha maior cantidade de aire no seu interior ao mesmo tempo que aumenta o tamaño das súas cavidades. Este deterioro da estrutura dos ósos, supón un aumento da súa fraxilidade e unha diminución  da súa resistencia aos golpes, o que se traduce nunha elevación do risco de sufrir fracturas. A osteoporose é unha patoloxía asintomática, polo que pode pasar desapercibida durante moitos anos ata que finalmente se manifesta a través dunha fractura.

tecido óseo renóvase constantemente pola acción coordinada de dúas células que se encontran no interior dos ósos, os osteoblastos, encargados de formar tecido óseo, e os osteoclastos, cuxa función é degradar e reabsorber o tecido óseo anteriormente sintetizado. Precisamente, unha das principais causas da osteoporose é un aumento na diferenciación e activación das células que degradan o óso, os osteoclastos, o cal provoca un incremento da cantidade de tecido óseo que se absorbe, o que ten como consecuencia a diminución da masa ósea.

Recentemente,  un equipo de investigadores do Centro Nacional de Investigacións Cardiovasculares (CNIC) en colaboración con outros grupos de Barcelona, Bélxica e Francia, descubriron un mecanismo mediante o cal é posible reforzar a masa ósea. No seu estudo, publicado no «Journal of Clinical Investigation», afirman que a diferenciación e activación dos osteoclastos é un proceso controlado polo receptor X de retinoide (RXR), unha clase de  proteína que se encontra no interior das células e que controla a expresión de MAFB, una molécula clave no proceso de xeración de osteoclastos.

Traballando con ratos modificados xeneticamente para que simularan padecer a menopausa (o colectivo da poboación que máis sofre de osteoporose é o das mulleres postmenopásicas), os investigadores viron que bloquear a actividade do RXR das células nai que producen osteoclastos provoca o desenvolvemento de osteoclastos xigantes que, inesperadamente, perden a capacidade de degradar e reabsorber o óso. Así, a perda de funcionalidade desta proteína, provoca que os ratos machos teñan ósos máis densos e que as femias non teñan un esqueleto tan débil cando experimentan unha diminución de estróxenos semellante á menopausa.

Continuando coa investigación e tendo en conta que xa existe un medicamento aprobado que actúa sobre o RXR, o bexaroteno, os investigadores puideron demostrar que a activación selectiva do RXR mediante o bexaroteno causa o bloqueo total da diferenciación de osteoclastos.

Polo tanto, a posibilidade de modular mediante o uso de fármacos a actividade do RXR e, como consecuencia, de impedir a perda de masa ósea , podería ter implicacións terapéuticas moi importantes para o tratamento da osteoporose así como outras enfermidades asociadas á perda de masa ósea.

Autora: Tamara Parracho

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Biotecnoloxía, Medicina, Saúde e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.