SOS polos anfibios

Un estudo internacional, publicado na revista Science, señala que a compra e venda global de anfibios como mascotas trouxo a Europa un novo fungo letal para píntegas e tritóns, nos cales se atopan varias especies ameazadas en España e outros países da UE. O patóxeno xa causou mortes en masa en Holanda e Bélxica.

Esta nova ameaza súmase á doutro fungo descuberto a finais da década dos noventa e que tamén viaxa grazas ós medios de transporte legais e ilegais do ser humano. Este segundo fungo, Batrachochytrium dendrobatidis, xa causou a extinción de máis de 200 especies de anfibios e supón “a maior ameaza a para a biodiversidade causada por unha enfermidade” segundo un estudo realizado polo equipo liderado por An Martel e Frank Pasmans, da Universidade de Gante.

Se traducimos literalmente o nome deste fungo, quédanos algo como “devorador de píntegas”, referíndose ás feridas na pel que produce a infección. Actualmente analizáronse máis de 5000 anfibios en catro continentes para averiguar a orixe do patóxeno. Descubreuse que este xa estaba presente en exemplares capturados no século XIX en Asia. En países como Xapón, Tailandia e Vietnam, o fungo non causa enfermidade, o que indica que alí os batracios desenvolveron inmunidade ó patóxeno, probablemente tras convivir con el durante miles de anos. O fungo chegou recentemente a Europa a través do comercio de animais e empezou a exterminar poblacións enteiras de píntegas e tritóns, e seguirao facendo se non se fai nada para evitalo.

En total, 41 das 44 especies de píntegas e tritóns analizadas en todo o mundo morren rápidamente unha vez contaxiados. A boa noticia é que parece que o fungo non afecta a ras, sapos e cecilias.


Autora: Laura Ozores.

Esta entrada foi publicada en Bodiversidade, selección natural e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.