Favorecidos pola dieta mediterránea

Nun estudo recente, o equipo do Dr. Joseph Cheriyan, da Universidade de Cambridge no Reino Unido, demostrou un mecanismo mediante o cal el e os seus compañeiros cren que o licopeno pode lograr unha serie de reducións de riscos para a saúde.

Estrutura do licopeno



A incidencia de enfermidades cardiovasculares varía segundo o país, pero é notablemente reducida no sur de Europa,  onde predomina a dieta mediterránea, caracterizada por un alto contido de froitas, verduras e aceite de oliva. Un compoñente da dieta mediterránea cun papel relevante é o licopeno, un poderoso antioxidante dez veces máis potente que a vitamina E. o licopeno encóntrase principalmente nos tomates, anque tamén noutras froitas, e parece que ten maior efecto cando é consumido de maneira concentrada (en extracto), en forma de salsa ou en presenza de aceite de oliva.
Segundo estudos dietéticos recentes, esta dieta reduce a incidencia de problemas graves de saúde relacionados con enfermidades cardiovasculares, incluíndo ataques ao corazón e derrames cerebrais, en pacientes con alto risco cardiovascular.
Hai moitas evidencias para apoiar o papel do licopeno na redución de risco cardiovascular, pero o mecanismo mediante o cal o logra non está claro.
Grazas aos experimentos levados a cabo polo equipo do Dr. Joseph Cheriyan, os resultados suxiren que un suplemento diario dun extracto procedente do tomate podería mellorar a función dos vasos sanguíneos en pacientes con enfermidades cardiovasculares. Para chegar a esta conclusión, os participantes no estudo tiveron que tomar unha píldora cun suplemento chamado ‘Ateronon’, que contén sete miligramos de licopeno.

Isto mellorou e normalizou a función endotelial nos pacientes con problemas cardiovasculares, pero non nos sans. O licopeno mellorou nun 53% as respostas dos vasos sanguíneos ante a acetilcolina (que estimula a liberación de óxido nítrico, o cal exerce un efecto dilatador dos vasos sanguíneos) naquelas persoas que tomaron a píldora.

Aparte de ser empregado nas enfermidades cardíacas e hipertensión arterial, tamén foi xa empregado no tratamento e prevención de arterioesclerose, en diferentes cancros, infeccións co VIH, envellecemento, cataratas e asma.


A pesar disto, os científicos consideran necesario levar a cabo máis experimentos para demostrar que realmente funciona.

Autora: Mirian Trigo Castro

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Saúde e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.