Camiñar e facer camiño

A paraplexia é unha enfermidade permanente producida normalmente por lesións da medula espiñal ou por causas conxénitas. Esta patoloxía afecta á parte inferior do corpo e ocasiona a paralización e a perda de funcionalidade e mobilidade dos membros da mesma.

En 2009, un estudo do neurocientífico estadounidense Reggie Edgerton, demostrou que ratas parapléxicas eran capaces camiñar tras recibir impulsos eléctricos na médula espiñal lesionada. Esta técnica, denominada estimulación eléctrica epidural, está a ser perfeccionada actualmente por  un equipo de científicos da Escola Politécnica Federal de Lausana (Suíza).

Estes científicos tamén estudaron ratas parapléxicas, cuxas médulas espiñais estaban totalmente seccionadas. Mantiveron as ratas erguidas sobre as súas patas traseiras grazas a un arnés e implantáronlles quirurxicamente eléctrodos flexibles nos circuítos neuronais da medula (debaixo da lesión). Estes eléctrodos,  aplicaron impulsos eléctricos sobre a médula espiñal e produciron a estimulación desta, polo que as ratas parapléxicas comezaron a camiñar de forma involuntaria, pois a flexión das patas era proporcional á cantidade de electricidade que se lle aplicaba á médula.

O gran logro deste grupo de científicos foi crear un algoritmo matemático que permite controlar e mellorar a cantidade de impulsos eléctricos que se lle aplican á médula  para así ter o control total das patas traseiras das ratas e poder perfeccionar os pasos e os saltos dos roedores, chegando incluso a modulalos en tempo real. Grazas a isto,  estas ratas foron capaces de camiñar por unha cinta de correr, chegando a dar 1.000 pasos durante 25 minutos e incluso de saltar obstáculos sen fallar.


Agora, os neurocientíficos da EPFL, desexan utilizar esta nova técnica  en terapias de axuda a persoas parapléxicas para que poidan recuperar a mobilidade. Para isto, prevén iniciar un ensaio clínico en pacientes parapléxicos ou con lesións medulares o próximo ano no Hospital Universitario de Lausana.


 

Autora: Tamara Parracho Martínez

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Medicina, Saúde e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.