POR QUE PESTANEXAMOS?

A maioría de nós nunca se detivo a pensar  cantas veces pestanexamos ó día nin por que o facemos, pero o certo é que é algo moi curioso. Pestanexamos aproximadamente unhas 10 ou 20 veces por minuto, pero non nos damos conta porque é un acto involuntario, un acto que realizamos de maneira subconsciente.

Pestanexar mantén ós nosos ollos saudables. A glándula lagrimal está situada no interior dun dos laterais superiores do ollo e produce un líquido lubricante que a pálpebra conduce a dentro do ollo. O feito de pestanexar tantas veces ó día é debido a que así ese líquido distribúese por toda a superficie ocular.

Este acto involuntario tamén protexe ós ollos contra a invasión de pequenos corpos, como é o caso dunha simple pestana, que cando cae dentro do ollo, irrítao e temos a tendencia de pestanexar máis e incluso a propia glándula lagrimal encárgase de producir lágrimas extra para lavar así a impureza.

Algo que tamén cabe destacar hoxe en día é o Síndrome do ollo seco, que provén da escaseza de pestanexos que facemos por hora durante o día e que é provocado pola cantidade de horas que pasamos diante dun televisor ou dun ordenador. A luminosidade destes aparellos causa a evaporación do líquido lagrimal, ocasionando a tensión dos músculos dos ollos e, por moito que nós non o notemos, o certo é que quen non pestanexa, non lubrica os ollos. E iso, evidentemente, é prexudicial.

Autora: Sara Castro

Esta entrada foi publicada en Saúde e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.