UNHA ELECTRÓNICA MÁIS FLEXIBLE

O disulfuro de molibdeno é un material parecido ao grafito, moi abundante na Terra e que se revelou como unha das claves do futuro da electrónica flexible, ao presentar mellores rendementos ca os semicondutores orgánicos utilizados ata o momento. Agora, un grupo de investigación español e holandés estudou as propiedades mecánicas deste material. Os científicos da Universidade Autónoma de Madrid e a Universidade Tecnolóxica de Delft crearon láminas ata cen mil veces máis delgadas ca un folio de papel e estudaron o seu comportamento cun microscopio de forzas atómicas. Con el conseguiron determinar a forza necesaria para deformar a membrana e rompela. Segundo o traballo dos científicos, as nanoláminas de disulfuro de molibdeno son ata un 50% máis duras ca o aceiro, coa peculiaridade de que son moi flexibles.
Estas propiedades abren un mundo de posibilidades para a electrónica do futuro, pois utilizando plásticos como substratos, capas ultrafinas de compostos como o disulfuro de molibdeno ou o grafeno poden actuar mellor ca os semicondutores actuais. Ademais as súas aplicacións non só se limitan a envases e revistas con pantallas flexibles, senón que tamén podería utilizarse para crear sensores versátiles.
O disulfuro de molibdeno provén da molibdenita, un mineral moi abundante e similar ao grafito, tanto en aparencia coma en tacto, que se produce en depósitos minerais hidrotermais de alta temperatura.


Autora: Sonia Porto Rivas

Esta entrada foi publicada en Novas tecnoloxías e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.