SONO IGUAL A FAME ?

A privación de horas de sono causa cambios no cerebro que estimulan o desexo por comer alimentos ricos en calorías, sen un aumento real da demanda metabólica ou da fame por parte do organismo. Así o indica un estudo realizado por un grupo de investigadores da Universidade de California en Berkeley, e publicado na revista Nature Communications.

Varios estudos epidemiolóxicos xa puxeran de manifesto que o forte aumento da obesidade no mundo está directamente relacionado co descenso xeral no número de horas de sono da poboación. Non obstante, ata agora non existía unha explicación clara do por que a escaseza de descanso nocturno se traducía nun maior desexo pola comida hipercalorífica.
Para tratar de descubrir estes mecanismos, Matthew Walker,Stephanie Greer e Andrea Goldstein examinaron a actividade cerebral dun grupo de voluntarios con distintos números de horas de sono acumuladas. As súas análises puxeron de manifesto que os voluntarios que se decantaban polos alimentos máis calóricos durmiran menos e presentaban alteracións na actividade cerebral en determinadas zonas encefálicas.

En concreto, a falta de horas de descanso determinaría tanto un aumento da actividade na amígdala coma a diminución das funcións doutras áreas responsables de avaliar que tipo de alimentos son necesarios para o corpo nun momento determinado. No transcurso do experimento os voluntarios, sometidos a distintos réximes dietéticos, manifestaron niveis semellantes de apetito.

Segundo os autores do estudo, a alteración observada explicaría por que os suxeitos que durmen menos tenden a consumir alimentos con máis calorías das necesarias para compensar o gasto enerxético provocado por un período de vixilia máis longo.

Autora: Lorena Soto

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Medicina, Saúde e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.