Heroína en ratas?

Unha vacina experimental conseguiu anular o efecto da heroína en ratas. O composto desenvolvido por The Scripps Research Institute, que o publican en PNAS, consegue unha resposta inmune contra a droga e varios dos subprodutos nos que esta se descompón. “Cando a ratas adictas á heroína se lles priva da droga, normalmente volven consumila compulsivamente cando se lles dá acceso outra vez, pero a nosa vacina impide que isto suceda”, dixo George F. Koob, codirector do traballo.

Activar o sistema inmunolóxico para que impida que as drogas cheguen ao cerebro é unha vella aspiración. Pero, entre outros problemas, está o feito de que os compostos que actúan no cerebro son en xeral pequenos e difíciles de detectar polo sistema inmunitario. O truco desta vacina está en que se uniron as moléculas que deben producir a resposta inmune a cadeas proteicas maiores. Deste xeito non eluden ao sistema inmunitario, e este acostúmase a reaccionar contra elas. Esta é a idea que se usou tamén noutras vacinas que se están a ensaiar, como as da cocaína e a nicotina.

Ensaios anteriores realizados polo mesmo instituto demostraran que cando se administraba este prototipo de vacina a ratas, tres de sete non acudían a por unha dose de heroína, o que quería dicir que non notaban os seus efectos aditivos. Esta vez o ensaio centrouse en animais que xa aprenderan a administrarse unha inxección de heroína. Para iso debían premer tres veces unha panca.

Autora: Sonia Porto Rivas

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Saúde e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.