Herbívoro ou carnívoro?

Un estudo CSIC analizou as secuencias xenéticas procedentes de bacterias de mostras de feces de lince ibérico (Lynx pardinus) e comparáronas coas doutros animais. A investigación revela que o potencial xenético da microbiota intestinal deste felino, un carnívoro cuxa dieta se compón case en exclusiva de coello de monte, lle permite alimentarse de xeito eficiente doutras fontes de alimento ademais da carne, como os restos vexetais que se encontren no interior das súas presas.

Cunha poboación de pouco máis de 300 exemplares, o lince ibérico está considerado como o felino máis ameazado do mundo. Aínda que, en comparación con outros animais, os resultados da análise sinalan unha alta similitude de microorganismos nas feces, o 6% dos grupos taxonómicos identificados correspóndense con bacterias do xénero Anaereoplasma. Os investigadores compararon as secuencias xenéticas da microbiota intestinal do lince ibérico coas doutros animais e viron que, malia albergar bacterias semellante, os perfís xenéticos son moi diferentes. “A pesar de ser un carnívoro moi especializado, tamén presenta un perfil alimenticio típico de herbívoros, xa que ten potencial xenético para utilizar como fonte alimenticia tanto carne obtida da presa como restos vexetais que esta contén. O lince ibérico, polo tanto, compórtase dunha forma moi diferente de como cabería esperar e podemos dicir que a capacidade xenética intestinal é un híbrido de carnívoro e herbívoro”. Esta pauta podería estar promovida polas características ambientais que afectan a esta especie. A escaseza de recursos alimenticios podería ter conducido a unha rápida adaptación da microflora intestinal do lince ibérico, que lle permite extraer maior achega enerxética das presas e do material vexetal sen dixerir que estas conteñen.

Autora: Irene Troncoso

Esta entrada foi publicada en Bodiversidade, selección natural e etiquetada . Garda o enlace permanente.