Pouco a pouco, conseguirémolo

Si, pouco a pouco conseguiremos acabar co noso fogar. O tempo apremia, e o estado de superpoboación e consumismo que está a vivir o noso planeta fala por si só. Nunha longa investigación, 22 científicos da Royal Society de Londres, estiveron estudiando as tendencias sociais, económicas e ambientais para intentar vislumbrar que futuro lle espera á humanidade nos próximos 100 anos. O prognóstico é máis ben sombrío.

Segundo o informe “People and the planet”, da Rotal Society, na poboación nunca estiveran tan altos os niveis de consumo e os cambios que se están a producir no medio ambiente son realmente preocupantes. De seguir así, estímase que no ano 2.050 haberá 2.300 millóns de habitantes máis  dos que hai actualmente (isto vén sendo a poboación combinada de China e India), sabendo que agora o planeta conta con 7.000 millóns de habitantes. A poboación está crecendo demasiado deprisa, principalmente en África.

Pero non só a superpoboación é un problema. É necesario que os países desenvolvidos moderen o seu consumo, xa que, se seguimos por este camiño, nun futuro cercano os recursos dos que dispoñemos estarán nunha situación límite. Isto leva, tamén, a unha situación de desigualdade tremenda. Fronte ao consumismo dos países ricos, están os países en desenvolvemento, como África, onde hai xente que ten que vivir con menos de 1.25 dólares diarios. Este factor tamén é de vital importancia, xa que a distribución das riquezas é necesaria para asegurar un futuro.


Autora: Paula Gondar

Esta entrada foi publicada en Sobreexplotación dos recursos, Xestión sustentable da Terra e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.