Un GPS natural

As tartarugas mariñas son capaces de percibir o campo magnético terrestre e utilízano para establecer mapas xeográficos que lles permite coñecer a súa situación na terra ou no océano. Estes son os resultados dun estudo realizado pola Universidade Autónoma de México (UAM).

Aínda que a idea de que as tartarugas posúen un campo sensorial magnético non é nova, ata agora non se puidera confirmar esa teoría. Os investigadores empregaron exemplares de tartaruga negra e aplicáronlles estímulos magnéticos controlados. Desta forma puideron identificar a un grupo de neuronas que se activan no ollo das tartarugas, mediante as cales perciben a información magnética. A transformación de datos magnéticos en sinais eléctricas neuronais realizase mediante cristais de óxido de ferro, ou magnetita,  presentes no ollo.

Ademais, os científicos atoparon cambios nos potenciais eléctricos do cerebro, e modificacións nos patróns de nado ó aplicarlles estímulos magnéticos. Isto demostra que as tartarugas son capaces de interpretar a información magnética e tomar decisións a partir dela. Esta extraordinaria capacidade permítelles realizar grandes migracións ou recordar a posición exacta da súa praia de nacemento, aínda despois de varias décadas de vida.

Autor: Manuel Busto

Esta entrada foi publicada en Bodiversidade e etiquetada , . Garda o enlace permanente.