Bacterias asasinas

A loita entre bacterias irmás é algo que xa se coñece dende hai catro anos, pero por primeira vez un equipo de científicos do CSIC logrou determinar como se produce este proceso a nivel molecular. A investigación abre a vía para crear unha nova xeración de antibióticos máis potente e efectiva, capaz de neutralizar a resistencia que ofrecen as bacterias. Un paso fundamental de ter en conta que o pneumococo é un dos patóxenos máis agresivos para o ser humano: a infección por este microorganismo mata cada ano a tres millóns de persoas  por enfermidades como a pneumonía ou ou a meninxite. A pulmonía é, de feito, a principal causa de mortalidade infantil.

imagen

O combate iníciase cando as bacterias máis virulentas lanzan proteínas contra as súas irmás. Estas logran penetrar e comezan a romper os enlaces moleculares da parede bacteriana. O obxectivo da acción é liberar unha proteína, a “autolisina LytC”, que destrúe a membrana das bacterias máis débiles ata producir unha explosión.
Os agresores logran un obxectivo: aumentar a virulencia. Pero non é a única vantaxe que obteñen; as bacterias asasinas extraen no proceso o material xenético dos patóxenos inocuos, que lles permitirá aumentar a súa resistencia aos antibióticos. Ata o de agora, a estratexia das compañías farmacéuticas para despistar aos pneumococos, pasa por introducir novas variantes de antibióticos xa coñecidos, pero o seu efecto acaba cedendo ao cabo dun tempo ante as novas defensas que opoñen os patóxenos. Do que se trataría agora sería de apostar por terapias totalmente novas.
O que se podería facer agora a nivel molecular é intervir na batalla que libran os pneumococos para descompensala a favor dos non virulentos. Do que se trata é de favorecer a súa actividade para que poidan combater aos máis agresivos.


Autora: Belinda Gómez

Esta entrada foi publicada en Avances médicos, Bioloxía celular, Medicina e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.