SABES O QUE COMES?

imagen 

Os alimentos transxénicos proveñen de organismos vivos nos que se introduciron artificialmente modificacións na súa información xenética. Para levar isto a cabo empréganse varias técnicas dependendo de que tipo de organismos queiramos modificar. Unha das máis habituais é a utilización de vectores víricos e bacterianos. Neste contexto, un vector é un organismo vivo que porta os xenes que codifican as características que se van introducir no organismo receptor, e que é capaz de integralos no material xenético deste.
Estas técnicas descubríronse nos anos 70 nos laboratorios das universidades e en institucións públicas de investigación. Nos anos 80 entran neste campo de investigación as compañías agroquímicas e farmacéuticas, acaparando en pouco tempo unha gran parte da investigación. Esta circunstancia implicou un cambio na orientación das investigacións. Pasaron de estar guiadas por intereses científicos, a estar guiadas por intereses económicos, pasando a rendibilidade a ter tanto ou máis peso co coñecemento.

A biotecnoloxía é un instrumento moi poderoso que traerá moitos máis cambios a nosa forma de entender o mundo. Por iso é necesario que impoñan as medidas legais adecuadas para a seguridade de todos os seres vivos, e endurecer as normas existentes sobre a liberación e comercialización dos organismos manipulados xeneticamente. Porque aínda hoxe,  as etiquetas dalgúns productos non portan ningunha identificación sobre a súa  “procedencia”. 

imagen

Autora: Antía Montes

Esta entrada foi publicada en Alimentos transxénicos, Biotecnoloxía e etiquetada , , , . Garda o enlace permanente.