COPENHAGUE: A DERRADEIRA OPORTUNIDADE?

imagen

Do 7 ao 18 de decembro celébrase na capital danesa, coa asistencia de delegados de todos os estados recoñecidos pola ONU, a Conferencia Mundial sobre o Cambio Climático. O obxectivo e chegar a un acordo que comprometa a todos os países do mundo a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro (en especial de CO2) a fin de frear o quentamento global que estamos a padecer. Este cumio pretende dar continuidade ao Protocolo de Kioto, acordo alcanzado nesa cidade xaponesa en 1997  e firmado por 37 países (incluídos todos os da Unión Europea), que entrou en vigor en 2005 e remataría a súa aplicación, en principio, no 2015.

A finalización deste período de vixencia, xunto coa actualización dos datos sobre a evolución do clima, proporcionados polo IPCC, e a necesidade de implicar as principais potencias emisoras de gases de efecto invernadoiro (Estados Unidos e China) que non subscribiron o anterior acordo, obrigan a tomar decisións acerca do sistema de produción de enerxía, o que supón un cambio do modelo de desenvolvemento económico, tanto dos países desenvolvidos como dos países con economías emerxentes e do terceiro mundo, polo que habería que buscar mecanismos que non introduciran máis desequilibrios entre as grandes potencias, responsables da maior parte das emisións de gases invernadoiro (como se observa na gráfica que se acompaña), e os países do terceiro mundo, que non poden ser sinalados como culpables pero que si son os primeiros en sufrir as consecuencias do cambio climático.

emisionco2_1.jpg

Esta entrada foi publicada en Cambio Climático, Xestión sustentable da Terra e etiquetada , , . Garda o enlace permanente.